O vindeiro sábado 23 de decembro terá lugar unha sesión para falar de creatividade e cine e lembrar as salas do Grove.
A boa acollida do I Ciclo de Cine Feito do Grove confirma, xunto con outras actividades vinculadas coa sétima arte realizadas no Concello, o gusto dos mecos e mecas por esta disciplina. Deste xeito, e dentro das actividades que se recollen neste ciclo, o vindeiro sábado, 23 de decembro a partir das 19.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey celebrarse unha sesión dobre. A sesión comezará coa conferencia “O Cinema como ferramenta de promoción dun territorio e do talento emerxente”, a cargo da directora Anxos Fazáns e da produtora Silvia Fuentas, responsables da película filmada no Grove A estación violenta, que falarán da súa experiencia con esta longametraxe.
A continuación realizarase un novo pase do documental A Meca do Cine, de Dunia Álvarez, sobre as salas de cine da localidade. Este documental fora estreado o pasado mes de novembro na carpa institucional e tivo unha moi bo acollida por parte do público, polo que se recibiron moitas solicitudes para a súa repetición.
Ciclo de curtas
Pero ademais desta actividade, o audiovisual tamén estará presente o venres, co V Festival de Curtas do Concello do Grove. Trátase dunha cita tradicional no inverno cultura do Grove e permite que os asistentes voten as curtas participantes. Neste caso, o programa recolle sete propostas preseleccionadas dentro das mellores realizadas en 2017 en España. A proxección terá lugar o venres, 22 de decembro, ás 21.00 horas, na Sala das Cunchas da Casa do Concello, coa conseguinte votación.