O pasado venres a Xunta de Galicia remitiu o informe de medio ambiente que o Concello levaba agardando máis de catro meses.
Dentro do complexo proceso posto en marcha polo goberno local en 2015 para aprobar o Plan Especial do Centro de Saúde e o Centro de Día nos terreos municipais das Touzas, esta semana conseguiuse un paso fundamental para poder poñer en marcha este necesario proxecto. Lembramos que durante o anterior mandato o Plan Especial preceptivo para poder poñer en marcha estas infraestruturas foi botado abaixo alegando a ausencia dunha serie de informes e aprazándoo indefinidamente.
En 2015 retomouse o documento solicitando os informes relativos ao Plan de Ordenación do Litoral (aprobado no mesmo 2015), o de Patrimonio, de Urbanismo e de Medio Ambiente. A sorpresa produciuse cando, despois de meses de espera, a Xunta de Galicia informa de que non era preciso o informe relativo ao POL e Patrimonio indica que non é preciso contar con informe previo desta institución para poñer en marcha a construción do Centro de Día. Neste proceso, a Xunta aprobou unha nova Lei do solo (2016), o que fixo necesario readaptar toda a documentación, ralentizando o proceso. Unha vez adaptada a documentación foi solicitado o derradeiro dos informes necesarios, o relativo a Medio Ambiente. Logo de catro meses de espera, este foi autorizado pola Xunta de Galicia.
A partir de agora o Plan Especial deberá ser aprobado pola Xunta de Goberno Local para a súa remisión definitiva ao ente autonómico, que ten dous meses para informar a proposta que, unha vez superado este trámite, terá que se aprobada en Pleno para a súa aprobación definitiva. Trátase, polo tanto, dos últimos pasos necesarios para poder contar coa adecuación dos terreos que o Concello do Grove precisa para o Centro de Día, poñendo, ademais, á disposición da Xunta de Galicia, solo para un novo Centro de Saúde, ambas as infraestruturas moi necesarias no Grove.