galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Comercio

luns, 5 de marzo de 2018
"O Concello do Grove reclama que Portos se faga cargo dos graves problemas do mercado municipal causados polas súas obras"
foto

 

 

Desde comezos de 2018 o edificio reverteu na entidade portuaria, que pasa a cobrar polo uso municipal deste inmoble sen asumir ningún gasto. O Concello pagará máis de 20.000 euros/ano.

 

En agosto de 2017 Portos de Galicia iniciou contactos co Concello do Grove para comunicar a fin da concesión do edificio do mercado municipal tras esgotarse os 30 anos da concesión anterior. Ata esa data o municipio pagáballe mensualmente unha cota á Xunta de Galicia por dispoñer da titularidade do inmoble que xiraba en torno aos 1.200 euros anuais.

 

Pouco tempo despois, Portos remite as condicións abusivas para poder establecer a nova concesión. Deste xeito, ademais de requirir que o concesionario queda obrigado a “conservar as obras, instalacións e terreos obxecto da concesión en perfecto estado de conservación, utilización, limpeza, hixiene e ornato, realizando ao seu cargo as reparacións ordinarias e extraordinarias que sexan precisas”, os custos da nova concesión son de 2,58 euros por metro cadrado, máis 17.161 euros por ocupación do edificio e un 2% neto da cifra anual de negocio de actividade desenvolvida da concesión. Tendo en conta que o inmoble ten 1.468 metros cadrados, o custo fixo da concesión é desde xaneiro de 2018 de 20.948 euros, máis un 2% do negocio desenvolvido ao longo do ano.

 

Unha vez máis a entidade portuaria actúa como a maior máquina recadadora da Xunta de Galicia. Os ingresos que realizan grazas ás abusivas taxas recadadas no Grove (edificio do mercado municipal, edificio da Casa do Concello, do xulgado e, por suposto, todas as actividades realizadas na praza do Corgo, ademais das taxas privadas ás terrazas de Beiramar) non se reverten de absolutamente ningunha forma no Grove. Trátase de fondos que se sacan dos orzamentos municipais sen que supoñan nin o máis mínimo beneficio para os veciños e veciñas da localidade. O feito agrávase se temos en conta, ademais, que é o Concello do Grove o que se fai cargo da limpeza e mantemento da zona: as obras realizadas nos últimos meses en Beiramar e as proxectadas fronte á confraría son sufragadas polo municipio.

 

Deterioración do mercado municipal

 

No relativo ao mercado municipal, resulta evidente que o Concello do Grove non vai renunciar a seguir contando con este espazo, que dinamiza a localidade e lles dá traballo a numerosas familias. Este feito é aproveitado por Portos, que se converte en titular dun edificio que fora construído polo Concello sen ter investido nin un céntimo no mantemento e conservación deste. Cando en 1986 se aprobou a desmunicipalización da lonxa de contratación realízase unha división física do inmoble: mercado municipal e lonxa. A primeira mantense en concesión para o Concello do Grove e a segunda pasa a xestión directa da entidade portuaria.

 

Nas obras de mantemento da lonxa de contratación realizadas hai xa varios anos, Portos non tivo en conta ao inmoble anexo e producíronse notables desperfectos nos espazos que antes comunicaban os dous espazos. O Concello do Grove tivo que facerse cargos dalgúns deles, pero seguen persistindo problemas máis graves derivados do mal estado da zona de cuberta na unión de ambas. Tanto é así que a entrada de auga e a deterioración desas zonas tense visto agravado co paso do tempo e supón, hoxe por hoxe, un problema no uso diario do edificio do mercado. Os traballadores e traballadoras deste teñen que acceder por corredores de servizo inundados nun estado lamentable.

 

O Concello do Grove reclama que Portos de Galicia asuma as súas responsabilidade e se faga cargo dos espazos polos que está cobrando contías elevadas e reconduza o seu comportamento discriminatorio con respecto ao Grove. Trátase dun posicionamento claramente político que pretende castigar o goberno local pero que, no seu lugar, está afectando os veciños e veciñas da localidade, o que demostra unha falta de ética e moralidade que non pode permitirse nunha administración pública.

 

 
Galería:
 

axenda

calendario
mes anterior setembro | 18 mes próximo
LMMXVSD
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss