galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Cultura

xoves, 6 de setembro de 2018
"O Concello do Grove dedica o mes de setembro á emigración meca"

 

As actividades de homenaxe aos emigrantes do Grove das pasadas décadas comezarán o 9 de setembro na Rúa Castelao.

O Concello do Grove pon en marcha este mes un proxecto cultural que pretende homenaxear os homes e mulleres do Grove que, durante décadas, emigraron a distintos destinos de Europa e de América na busca de recursos e oportunidades. Deste xeito setembro será o “Mes da Emigración Meca” e acollerá actividades de todo tipo para lle dar a coñecer esta realidade á veciñanza da localidade.

O programa comeza o vindeiro domingo coa colocación da placa de homenaxe aos emigrantes en Nova York na rúa Castelao. O acto contará coa música da agrupación Os Firrás que deseñaron para a ocasión un repertorio de cancións vinculadas coa emigración e a morriña das e dos que estaban lonxe. Será o 9 de setembro ás 12.00 horas na rúa Castelao.

Xa na semana seguinte, o 13 de setembro, comezará na Sala das Cunchas e Sala das Dornas da Casa do Concello do Grove a exposición “Galizamérica. Edición e lingua na emigración”, unha actividade que se enmarca dentro das propostas do “Ano da Lingua” da Deputación de Pontevedra e que contará na súa inauguración coa conferencia de Rosario Portela relativa á “Edición galega no franquismo”. A mostra estará visitable ata o 27 de setembro.

O 14 de setembro, tamén na Sala das Cunchas e tamén dentro das propostas do “Ano da Lingua” da Deputación de Pontevedra, proxectarase o filme “A Cicatriz Blanca” de Margarita Ledo Andión, cunha temática directamente vinculada coa problemática da emigración galega a comezos do século XX.

Xa o sábado 15 de setembro contaremos coa primeira obra do Ciclo de Teatro organizado pola Asociación Cultura Enxebre, que tamén se achega á temática da emigración e o 16 de setembro está prevista a lectura pública da obra “Qué lonxe está Lordelo”, de Cándido Otero Goday.

O programa tamén se completa co acto de homenaxe a Paco Lores, sendo precisamente a súa filla, Lorena Lores, unha das principais colaboradoras na organización da programación deste mes como secretaria do Museo da Emigración de Bos Aires. Tamén participan nomes de referencia como Antón Mascato, quen estará presente na mesa redonda que o domingo 30 de setembro pecha o programa.

Exposicións

Especialmente importantes son as dúas exposicións sobre a emigración meca previstas en setembro. A primeira delas inaugurarase o 20 de setembro na Rúa Castelao onde estarán presentes duascentas fichas fotográficas de emigración no Brasil. Xa o 28 de setembro a Sala das Cunchas e a Sala das Dornas acollerán a mostra “Memoria meca da emigración arxentina” cunha mostra fotográfica e documental da presenza das comunidades grovense naquel país entre o 1880 e 1960.

A mostra referida será a que forme parte este ano da programación da Festa do Marisco ao tempo que pretende ser un punto de partida para contar coa colaboración dos veciños e veciñas do Grove aos que se lles solicitará axuda para conformar un arquivo fotográfico e documental da emigración meca.

axenda

calendario
mes anterior setembro | 18 mes próximo
LMMXVSD
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss