O mercado estará aberto nos festivos de Semana Santa, as Letras Galegas e o Pilar.
Como vén sendo habitual, o Concello do Grove convocou nas pasadas semanas os vendedores e vendedoras da praza de abastos a unha reunión para establecer o calendario de aperturas para o ano 2019. Ao non existir acordo no relativo a apertura de dúas festividades do vindeiro ano, realizouse unha enquisa para que os praceiros decidisen ao respecto, finalmente recolléronse 32 votos que no relativo ao 19 de abril (Venres Santo) foron 16 afirmativos e 16 negativos; para o 17 de maio (Día das Letras Galegas) 19 afirmativos e 13 positivos. Deste xeito, o calendario do 2019 complétase coa apertura en tres festividades, xa que a data empatada decidiuse en sentido positivo, pois permite que quen queira abrir o faga.
A praza de abastos abrirá o 19 de abril, 17 de maio e o 12 de outubro. O resto de festivos marcados no calendario laboral manterase pechada. Ao tempo, o mercado semanal terá lugar a totalidade dos venres de 2019, e terá que cambiar de lugar cando coincida coas Festas do Carme e coa Festa do Marisco.