O prazo para a presentación dos traballos remata o 15 de setembro de 2021.
Esta semana comezaranse a distribuír as bases por toda a xeografía galega: concellos, bibliotecas, casas de cultura, institutos de ensinanza secundaria, asociacións de escritoras e escritores en lingua galega, editoriais, medios de comunicación… O Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey é un certame literario convocado polo Concello do Grove desde 1992 que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo da convocatoria é honrar a vida e a obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente o seu texto en lingua galega. As bases establecen como prazo límite de presentación dos traballos o 15 de setembro. Os textos han ter unha extensión mínima de cincuenta páxinas e máxima de cen, en folio din A4, de dous mil cincocentos caracteres cada páxina, aproximadamente, espazamento entre liñas de 1,5 e as follas deberán de estar paxinadas.
O xurado estará composto por cinco persoas, unha delas será o gañador da XXVII edición do premio, Manuel Antonio Piñeiro Fernández, pola obra Trávelin, e os outros catro compoñentes serán especialistas en literatura e crítica literaria. O premio único outorgarase por maioría simple de votos.