galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Cultura

xoves, 21 de setembro de 2023
"O Concello do Grove volve a participar no proxecto Youtubeir@s"

O Concello do Grove volve a participar no proxecto Youtubeir@s, que convoca a sétima edición dos seus premios baixo o lema ‘Rede aberta, Rede diversa’.

 

 

Os galardóns repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías, incluído o galardón do público. A organización desvela o xurado e o prazo de inscrición remata o próximo 17 de novembro.

 

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruñ.

 

Pontevedra, 21 de setembro de 2023.- Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, pon en marcha tanto unha nova edición dos seus premios como o programa de visitas de difusión e formación a centros de ensino para achegarlle á rapazada o traballo de youtubeiros e youtubeiras de gran repercusión na nosa lingua.

 

“Volve Youtubeiras un ano máis e volven os seus premios nunha sétima edición que continúa a afondar na súa consolidación”, adiantou Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, nunha rolda de prensa esta mañá na que estivo acompañado por Blas García, alcalde de Ames; Victoria Quiroga, concelleira de Lingua do Concello de Rois, e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Neste senso, Gómez Xunqueira sinalou que “este é, polos seus méritos e pola súa traxectoria, un certame de referencia para a comunidade creadora de contidos dixitais na nosa lingua”.

 

 A senda da consolidación é un elemento que foi destacado ao longo das diferentes intervencións para definir uns premios que, neste 2023, se celebran baixo o lema: Rede aberta, Rede diversa! “Estes galardóns van mudando e adaptándose á realidade cambiante tanto da Rede como da sociedade, coas portas sempre abertas e con espírito diverso. Estes son uns premios vivos como viva é a lingua e viva é a Rede”, sinalou Blas García, alcalde de Ames, que tamén destacou a consolidación dos galardóns como referente, tanto “para a comunidade creadora como para a nosa lingua”.

 

Prazo, contías e xurado.

Pola súa banda, Victoria Quiroga aproveitou a súa intervención para lembrar as categorías. “Este ano repítense as mesmas categorías e contías que en 2022. Cremos que é a estrutura máis acaída para continuar a acompañar este ano a comunidade creadora de contidos na lingua en YouTube, traballo que a organización vén desenvolvendo con notable éxito dende a posta en marcha do proxecto Youtubeiras en 2017”, sinalou a concelleira de Rois, quen quixo valorizar o “importante” que resulta sempre a colaboración institucional en proxectos de “fomento da lingua” como é o caso de Youtubeiras.

 

“As sinerxías, o intercambio e a suma de forzas son esenciais para o noso idioma”, sentenciou Quiroga, antes de desvelar os nomes que conforman o xurado deste 2023: Nee Barros (@neeumatiko), divulgadore cultural, escritore e youtubeire, quen se fixo co galardón a Youtubeira/o na pasada edición; Fátima Souto Muñiz, bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

 

As categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022. O prazo para presentarse iníciase hoxe mesmo e manterase aberto até o vindeiro 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal .

 

Medra en número e en calidade.

 

Pola súa banda, Susana Reboreda centrou a súa intervención en achegar as cifras que obtiveron os Premios Yotubeiras ao longo da súa historia. “No ano 2017, correspondente á primeira edición, rexistramos unha participación de 202 vídeos. Mentres, en 2020, a cifra chegou a 536. A partir desa edición, procuramos fixarnos nas canles. Así, en 2021, presentáronse 38 canles, pero xa en 2022 a cifra chegou a 75”, resumiu Reboreda. A esta medra na participación cómpre sumarlles outras melloras rexistradas. “Incrementouse, ano a ano, a riqueza temática dos participantes e o seu nivel técnico”, explicou a vicerreitora da Universidade de Vigo.

 

Campañas de difusión.

 

“O proxecto Youtubeir@s non só se reduce aos premios. En realidade, é un espazo maior para a unión e ao servizo dunha comunidade diversa e tamén un espazo que procuramos ampliar”; sinalou Reboreda en referencia aos obradoiros que o proxecto desenvolverá nos centros de ensino dos concellos implicados. A creadora de contidos María Rúa, coñecida pola canle PradoRúa, será unha das voces encargadas de achegarlle ao alumnado a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, a súa experiencia como creadora audiovisual e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.

 

Nesa mesma liña de difusión, realizaranse colaboracións con creadoras de contidos que se sumarán este ano ás campañas de difusión para lles dar a coñecer aos seus seguidores a comunidade de creadoras de contidos na nosa lingua. Esta iniciativa de promoción desenvolverase en plataformas e redes como Facebook, Instagram ou TikTok.

 

Na rolda de prensa tamén estiveron representantes institucionais e persoal técnico de Normalización Lingüísticas das diferentes institucións organizadores. Dende Carballo acudiu a concelleira Maruxa Cotelo, de Moaña asistiu a concelleira Dolores Chapela e por parte de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro. A concelleira María Vázquez representou a Teo e Soledad Agra, acudiu en nome da Deputación da Coruña.

Webcam en Directo

axenda

calendario
mes anterior decembro | 23 mes próximo
LMMXVSD
123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

noticias

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2020. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss