O comercio local do Grove está artellado nun centro comercial aberto, De Tendas, que ofrece unha ampla gama de produtos nun contorno urbano ideal para pasear e mercar.
Variedade, calidade de produtos, establecementos próximos e profesionalidade. O Centro Comercial Aberto De Tendas é un proxecto levado a cabo polo empresariado local e a asociación de comerciantes Emgrobes, en colaboración con diversas institucións, tales como a Consellería de Industria da Xunta de Galicia e o propio Concello do Grove, que traballaron para acadar este proxecto de urbanismo comercial, unificar os medios de pagamento e potenciar a fidelización da clientela.
O CCA De Tendas enténdese como a agrupación de establecementos comerciais, hostaleiros e doutras actividades que ofrecen cada día o mellor de si mesmos para encher de vitalidade e dinamismo a nosa vila, unidos nunha organización e baixo unha marca que pretende desenvolver accións e servizos que beneficien o asociado é o consumidor final.
Xorde como reacción ante a proliferación de centros comerciais pechados e grandes superficies e ante o cambio producido nos hábitos de compra dos consumidores e consumidoras.
O obxectivo prioritario do Centro Comercial Aberto De Tendas é o de converterse nun polo de atracción comercial e de servizos complementarios, tanto do Grove como da súa área de influencia, promovendo a variada oferta turística da vila, así como o perfecto funcionamento dos servizos prestados polas empresas acollidas baixo o seu seo.
Na actualidade, o CCA De Tendas está composto por máis dun cento de establecementos onde se poden atopar os máis diversos artigos e servizos. Neles ofrécese modernidade, diversidade, atención personalizada, unha relación calidade-prezo inmellorable e o compromiso de verdadeiros profesionais. Ademais desenvolve promocións e campañas periódicas, sorteos, animación e outras moitas actividades.