Trátase da reedición da escolma de textos relativos ao Grove realizada por Ramón Nicolás e editada por Xerais.
A Sala das Cunchas do Concello do Grove acolleu onte, domingo, un acto de presentación da reedición da obra de Manuel Lueiro Rey O Grove, canción da sal e do vento. Este libro está composto por distintos artigos e relatos breves nos que O Grove é o principal protagonistas e que foron escolmados polo seu biógrafo, Ramón Nicolás. A obra, que xa fora orixinalmente editada por Xerais, atopábase esgotada e o Concello do Grove, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra vacaba de sufragar unha pequena edición dela que permitirá volver a poñer en circulación este libro, que fora editado por primeira vez no ano 2005 e que conta en 2017 con más exemplares.
Durante o acto, que tivo lugar onte, membros da agrupación Letra Enxebre realizaron lecturas dalgún dos capítulos do libro; Rosa Leiro interpretou varios poemas cantados da autoría de Lueiro que foron acompañados con antigas imaxes do Grove que pretendían situar os presentes no universo que o escritor recollía nos seus textos. Os exemplares do libro serán distribuídos de xeito gratuíto a través da Rede de Bibliotecas do Grove, tentando contribuír á divulgación da obra de Lueiro e, por suposto, á difusión da “causa Lueiro”, que pretende conseguir o Día das Letras Galegas para este autor.