galego | español
texto grande
buscar

Patrimonio

Forman parte do patrimonio do noso municipio:

 

ADRO VELLO

Na praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente, podemos ver o xacemento arqueolóxico de Adro Vello, que conta cuns 3.500 metros cadrados e que foi escavado na década de 1980, aínda que queda unha parte por recuperar soterrada por baixo dunha estrada e unha vivenda.

En realidade o xacemento revela un lugar de sucesivas culturas superpostas e a súa complexidade radica no feito de estar continuamente ocupado polo home, desde os primeiros anos da era cristiá ata os finais do século XVIII.

Por esta orde, a presenza humana tería as seguintes manifestacións: factoría de salgadura, ata o século III, da que aínda se conservan os píos. A salga estaba vencellada a unha vila romana que explotaría esa factoría e da que se poden ver muros, pavimentos e canles de augas, ademais de cuncheiros en que se encontraron escamas e espiñas de peixe. Arredor desa vila romana fíxose un muro de contención para deter as enchentes do mar, salientando a calidade construtiva deste a base de perpiaño almofadado de gran tamaño. A comezos da Idade Media abandónase a vila e procédese a cristianizar o lugar, en principio utilizado como cemiterio e enseguida cunha pequena igrexa do século VII da que aínda permanecen muros, alicerces pétreos, a nave, o altar con pavimento cerámico e a sancristía. Unha ara romana, dedicada a unha divindade local denominada Deveros, dá conta da antigüidade de Adro Vello como lugar de ritos relixiosos. O cemiterio tivo esa función ata ben entrado o século XVIII, no que se trasladan a igrexa e o camposanto para a súa localización actual, uns centos de metros mais arriba, afastados do mar.

 

O conxunto complétase cunhas estruturas defensivas das que se conserva a base dunha torre da época altomedieval, que tiña a función de protexerse dos ataques dos piratas sarracenos e normandos que padeceu a costa galega nesa época.

 

Horarios:

Todos os días, desde o valado que o circunda. Non se permite o acceso ao interior

por razóns de conservación.

 

Visitas guiadas en grupos:

Concertar cita no teléfono 986 730 975 (teléfono de información do Concello do Grove).

 

MUSEO DE LA SALAZÓN>

 

OS XACEMENTOS CASTREXOS E ROMANOS

A toponimia local recolle diversas acepcións que dan conta da importancia do Grove na cultura castrexa. Exemplos disto son a Punta do Castriño, onde está asentado o castro do Carreiro, ou o monte da Siradella, que xunto con Cantodorxo, Outeiro das Lapas ou a necrópole da Lanzada (estes dous últimos en Noalla) son os principais asentamentos humanos do Paleolítico na zona.

En épocas posteriores asentaron poboacións humanas nos lugares da Veiga Grande (preto do areal da Mexiloeira), Currelos do Monte (preto do areal da Lavagueira), ou nas Moutas de Nartallo (en Balea), lugares que actualmente protexemos pola súa importancia como xacementos romanos. Todos eles están sen escavar.

 

IGREXA DE SAN MARTIÑO

Esta igrexa é unha obra do século XVI, reedificada no XVIII. Está preto do lugar da Vilavella e ten planta rectangular, con ábsida e dúas capelas laterais. Remata nunha torre barroca decorada con placas. A fachada ten portada central de arco de medio punto apoiada en dous piares de sección cadrada e un nicho que alberga a imaxe de san Martiño ataviado como bispo. Enriba hai unha fiestra rectangular con moldura lisa ao redor e orelleiras nas esquinas.

 

 

IGREXA DE SAN VICENTE

A construción primitiva estaba na praia do Carreiro, en Adro Vello, o seu traslado debeuse á proximidade do mar. A cimentación do novo edificio comezou no ano 1771, a cargo dos mestres de cantaría Manuel e Antonio Sarrapio, veciños de Santiago de Loureiro (Cotovade). Obra barroca de planta rectangular con cruceiro, ábsida cuadrangular e torre. Sobre a portada, unha imaxe de san Vicente Mártir que mestura elementos de san Vicente Ferrer.

 

 

OUTRAS CONSTRUCIÓNS RELIXIOSAS

A reitoral de San Vicente, do s. XVIII, conserva a nobreza dunha coidada cantería. As capelas de santo Antonio e san Roque, ambas as dúas barrocas do XVIII. Na Toxa temos a da Virxe do Carme ou san Caralampio, popularmente coñecida como a Capela da Cunchas, por estaren as súas paredes exteriores forradas de cunchas de vieira.

Obra ecléctica do arquitecto ourensán Vázquez Gulías realizada a comezos do século XX, no mesmo tempo que as instalacións do Gran Hotel. Edificio iniciado en 1907 e

moi reformado no ano 1945.

Webcam en Directo

agenda

noticias

perfil del
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2020. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss