Será o vindeiro mércores 16 ás 11.00 h
As persoas representantes de todos os partidos da corporación do Concello do Grove tomaron onte a decisión de entregar no rexistro das oficinas da EOXI de Pontevedra Norte unha copia das sinaturas da cidadanía para esixir a cobertura total das consultas médicas, tanto de adultos como pediátricas e de PAC, que se están a recoller desde o día 12 de xaneiro.
As sinaturas serán entregadas o MÉRCORES 16 DE FEBREIRO, e xa que a Dirección da Xerencia aprazou sen data a reunión que ía ter lugar o día 10, ANIMAMOS A TODOS OS VECIÑOS E VECIÑAS QUE TEÑAN DISPOÑIBILIDADE A QUE SE CONCENTREN DIANTE DO HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA ESE DÍA ÁS 11.00 H DA MAÑÁ para mostrar o noso descontento e a nosa repulsa pola atención médica que se está a recibir na nosa vila.
Animamos, pois, a toda a veciñanza que poida acompañarnos no día 16 a desprazarse ata Pontervedra, en fronte das oficinas da Xerencia, porque é este organismo o responsable da vergoñenta situación sanitaria que vivimos nos últimos tempos, con consultas que se atrasan unha e outra vez sen aviso previo, cotas con case un mes de demora para unha consulta ordinaria, quendas de urxencia sen persoal médico que preste o seu servizo no centro de saúde do Grove (co risco que isto supón en caso de emerxencia vital) e que obriga a nosa veciñanza a desprazarse a Portonovo para ser atendida.
Esta é a atención sanitaria que esta xerencia (como responsable principal) e o conselleiro de Sanidade (como responsable último) están a darlles a todos os veciños e veciñas do Grove e que, malia as nosas protestas dos últimos anos, lonxe de mellorar, foi empeorando paulatina e continuamente.
Lembramos tamén que para aquelas persoas que non teñan como desprazarse para acudir a esta concentración o Concello porá autobuses, que sairán ás 10.00 h da mañá da estación de autobuses e voltarán despois da concentración (ás 12.00 h, aproximadamente). Para usar este transporte poden inscribirse presencialmente na OMIX (2º andar do Concello) ou no teléfono 986 730 609 desde o venres 11 ata o martes 15.