• O programa conta co financiamento da Deputación de Pontevedra.
O Grove, 03/05/2022.- O Concello de Grove conmemorará o Día das Letras Galegas cunha variada programación de actividades que se organizarán desde principios de maio e ata o día 21 e que inclúe, ademais de exposicións, contacontos, feira do libro e actuacións de danza e música, entre outras propostas. O obxectivo “é ofrecer ao cidadán un amplo abanico de actividades coas que festexar e conmemorar o día das letras galegas e, de paso, fomentar o hábito da lectura en galego con actividades e propostas para todas as idades”.
Exposicións e recomendacións. A programación das Letras Galegas dará comezo con recomendacións de obras en galego nas Redes Sociais. Tamén ata o día 17 na Biblioteca do Grove, poderase disfrutar da Mesa temática das Letras que recollerá as obras das autores e autoras premiados desde 1936 a 2022. Contacontos Para os máis pequenos da casa a programación das Letras Galegas inclúe contacontos os días 5 e 13 de maio.
O xoves 5 de maio ás 18.00 h será a quenda de O Garoto de Ipanema (unha mensaxe na botella) a cargo de Caxoto contacontos e dirixido a público infantil e familiar a partir de 4 anos.
O venres 13 de maio, tamén ás 18.00 h, terá lugar o contacontos Queda sitio na vasoira? a cargo de Patasdepeixe Editora e dirixido a público infantil e familiar a partir de 3 anos . Ambas actividades terán lugar na biblioteca Municipal do Grove e para participar, será necesaria inscrición previa polos medios habituais.
Letras Galegas As actividades do martes 17 de maio, na Rúa Castelao, desenvolveranse desde as 10.00 horas e darán comezo cun pasa rúas a cargo da agrupación folclórica local Paradanda Mecos.
Ás 10.30 h comezará Feira do Libro Galego, a cargo de Espazo Lector Nobel O Grove e Patasdepeixe Editora en colaboración co Concello do Grove.
Así mesmo, á mesma hora, tamén dará comezo a Feira de Artesanía Local a cargo de diversos membros do colectivo local de artesanía Grovemakers.
Ás 11.00 h, tamén na Rúa Castelao, Xoan Curiel ofrecerá o seu espectáculo Cantando as Nosas Letras, un concerto familiar dirixido a todos os públicos no que Xoan canta cantigas e poemas das autores e autoras homenaxeados nas Letras Galegas xunto con temas compostos polo propio Xoan Curiel dedicados á rapazada de todas as idades.
A partir das 13.00 h ofrecerase o concerto do grupo local de pandereteiras Cinco en Zoca dirixido a público de todas as idades.
Obra de teatro O sábado 21 de maio a partir das 20.30 h representarase na Casa da Cultura “Manuel Lueiro Rey” a obra O Furancho a cargo de Ibuprofeno Teatro interpretada por María Bañobre e Isabel Risco.
Unha comedia para rir á esgalla que conta con diversos premios no seu haber: Premio María Casares 2016 ao Mellor Vestiario, Finalista nos Premio María Casares 2016 ao Mellor Autor, Premio Fetega (Festival do Carballiño) a Mellor espectáculo e Mellor Actriz (Isabel Risco).
A entrada é gratuíta pero deberase recoller convite na biblioteca Municipal do Grove.