O Grove, 30 de marzo de 2023. O Concello do Grove ten preparada a programación “Abril na biblioteca” para celebrar o mes do libro. As actividades previstas contan coa colaboración do Programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia.
O 5 de abril, ás 11.30 horas comezará a programación co espectáculo “Mariña, contos nacidos no mar” a cargo de Raquel Queizás e dirixido á rapazada a partir de 4 anos. Trátase dun espectáculo de narración oral no que se empregan obxectos, monicreques e a interacción co público para coñecer a Mariña e as súas historias.
O 21 de abril ofrecerase o obradoiro de cociña “Cociñando desexos” a cargo do persoal bibliotecario coa colaboración da Panadaría de Meloxo. Está dirixido á rapazada a partir de 8 anos.
Xa o 24 de abril ás 17.30 h, a rapazada poderá asistir ao contacontos “Cervantes VS Sahakespeare” a cargo da Trastenda dos Contos. A partir dos dous autores Caxoto achegaranos á súa época, na que o ser humano se decide a coñecer e entender o mundo no que vivimos. Unha viaxe chea de aventuras, emocións, descubrimentos, personaxes fascinantes… Unha viaxe no tempo para coñecer quen somos e de onde vimos.
Para finalizar o programa o 28 de abril, a partir das 17.30 h, terá lugar “Paxariños” a cargo de Trinketrinke Teatro. Vanessa, actriz condutora da actividade, ten un xardín, turelí. No xardín hai un niño, tureló. No niño hai un ovo, turelí. Espera que dese ovo enorme que nos mostra, naza un paxariño. E fai tódolos preparativos necesarios para recibilo da mellor maneira posible. A música, os obxectos e a narración a xeito de cantarela cautivarán a atención dos mais pequenos e pequenas.
A programación completarase con visitas escolares, exposicións bibliográficas, talleres e outras sorpresas.
Para participar nas actividades é indispensable inscrición previa nas bibliotecas, no tfno. 986 732 341, no e-mail biblioteca@concellodogrove.es ou nas Redes Sociais.