O Concello do Grove acaba de elaborar un vídeo documental do proceso da salgadura da sardiña co obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial do municipio e garantir a súa transmisión ás vindeiras xeracións.
O vídeo amosa dunha forma sinxela e visual os diversos pasos do proceso da salgadura, narrado e explicado con voz en off e, ao mesmo tempo, amosa a beleza e a riqueza cultural da paisaxe mariña e o espazo museístico de Punta Moreiras
O patrimonio cultural inmaterial inclúe prácticas e expresións vivas herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes, como tradicións orais, artes escénicas, usos sociais, rituais, actos festivos, coñecementos e saberes e técnicas vinculados á artesanía tradicional. Por iso é importante non só salvagardar o patrimonio inmoble se non tamén aquel patrimonio inmaterial, como son as técnicas e procesos utilizados para a realización da salgadura da sardiña.
Para a realización do vídeo contouse coa colaboración da Asociación Amigos da Salgadeira de Moreiras, así como de varias persoas e colectivos do Grove que puxeron da súa parte para acadar o resultado final a os que o Concello lles quere agradecer a súa colaboración.
Así mesmo, queremos amosar a nosa gratitude a Asociación Cultural "Leña Verde de Pol", autora dos temas musicais utilizados no vídeo, pola cesión dos dereitos gratuitamente para este proxecto.
O vídeo será difundido a través da redes sociais co obxectivo de facilitarlles a súa visualización a todas as persoas.
Pódese acceder ao vídeo a través do seguinte enlace: