En plena sexta onda da Covid, no centro de saúde do Grove só se conta hoxe con dous médicos e un pediatra. Ademais, non haberá consultas e anúlanse todas as desta semana e unicamente se atenderán as urxencias tipo PAC autorizadas pola dirección.
Esta situación deplorable que está a padecer o centro de saúde do Grove xa vén sendo denunciada desde hai tempo polo Goberno local e pola corporación en xeral; mais lonxe de mellorar, cada vez vai a peor.
Desde o Concello consideran inconcibible e lamentable que a Xunta de Galicia non tome medidas mentres se deteriora, se anula e se destrúe a sanidade pública, un dos dereitos fundamentais adquiridos coa democracia, especialmente no que se refire á atención primaria, que se desmantela nun momento crítico, cando a cidadanía máis a necesita, non só para tratar de frear en primeira instancia o avance do coronavirus nesta sexta onda, senón para atender as consultas doutras patoloxías e o seguimento das enfermidades crónicas, que seguramente nun futuro serán as prexudicadas por esta falta de atención a día de hoxe.
Así pois, esíxenlle á Xunta de Galicia que poña os fondos económicos necesarios para atender a atención primaria, xa que consideran que a falta de médicos que padece a nosa comunidade en xeral e a nosa vila en particular nesta especialidade médica é culpa do ente autonómico e dos anteriores gobernos do Partido Popular, que non trataron os facultativos como debían e provocaron a súa marcha a outras comunidades onde eran mellor retribuídos e considerados.
Finalmente, fan un chamamento á cidadanía para que se mobilice contra esta situación e contra a política sanitaria do Partido Popular, que coa súa pasividade ante esta situación de precariedade extrema na atención primaria está a demostrar que non apoia a sanidade pública.