· As actividades terán lugar os venres de abril na biblioteca municipal do Grove
O Grove, 28 de marzo de 2022.- O Concello do Grove conmemora o mes do libro co Programa de dinamización lectora “Abril de libros e outras historias” que contará con actividades de diversos estilos e formatos.
As actividades darán comezo o venres 1 de abril ás 18.00 h co espectáculo “Maxia divertida” a cargo do Mago Paco. Unha divertida actividade de animación á lectura a través da maxia mediante historias, contos e xogos.
O venres 8 de abril, ás 18.00 h, ofrecerase a actividade “Contos con Ioga” a cargo de Silvia Domínguez. Os asistentes a esta actividade aprenderán posturas ioguicas, técnicas de relaxación e a tomar conciencia da respiración a través da representación de contos como “Maya y el yoga”.
O venres 22 de abril Trinketrinke Teatro achegará ata a biblioteca un espectáculo con música, narración oral e monicreques. Os Ratos de Lonxedetodo, a través do contacontos "Asociación de Animais Solidarios" pretenden concienciar a todas os asistentes sobre a situación medio ambiental do planeta.
Para rematar o mes, o venres 29 de abril, será a quenda de Tarabelos Teatro con “Contos nunha roda”, unha historia para romper estereotipos: Manuel é un macho alfa, un home dereito, que non chora, cheira forte e non lle ten medo a nada... "Como debe ser". Manuela é unha rapaza sensible e boa, nunca mancha as súas zapatillas de prata e ten tres perfumes... unha nena "como é debido". Pero Manuela e Manuel non son así cando xogan xuntos e ninguén os ve. Cando están sós...
As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse nas bibliotecas, no tfno. 986732341, no email biblioteca@concellodogrove.es ou por privado nas Redes Sociais
Exposicións bibliográficas e mesas temáticas completarán esta variada programación do mes do libro.