Modelo integrador
(Páxina 143, do Plan de Galicia sobre drogas 2007-2009. Apdo. 3.1. Conceptualización das drogodependencias e modelo de intervención).
A forma de entender as drogodependencias, as razóns que explican a súa xénese e a natureza dos seus efectos, condiciona os modelos e estratexias que se deben implementar para a súa abordaxe. Os modelos teóricos explicativos das drogodependencias, a súa conceptualización, evolucionaron desde modelos que salientaban unha soa dimensión do fenómeno ata a consideración das drogodependencias como un trastorno multicausal e multidimensional.
O recoñecemento das drogodependencias como un fenómeno multideterminado, resultado da interacción que ten lugar entre os suxeitos, o contexto social e cultural onde se desenvolven estes e as propiedades farmacolóxicas das substancias consumidas, cunha ampla variedade de efectos en diversas dimensións das persoas que as padecen e no seu contorno social próximo, permitiu o establecemento dun amplo consenso arredor do denominado “Modelo integrador das drogodependencias”. Un modelo que é suficientemente flexible como para incorporar as múltiples dimensións do fenómeno e os cambios que progresivamente se producen en relación coas drogodependencias.
Entre os elementos arredor dos cales se articula este modelo integrador das drogodependencias destacan os seguintes:
- As drogas son substancias que historicamente estiveron presentes en todas as sociedades e culturas. Determinadas características persoais, as actitudes e comportamentos individuais e sociais en relación coas drogas, as funcións sociais asignadas a estas substancias, xunto a diferentes variables biolóxicas, poden propiciar a aparición de condutas de uso, abuso ou dependencia ás drogas.
- Aínda que a dispoñibilidade das drogas é un factor necesario para a existencia de patoloxías relacionadas co seu abuso e dependencia, a relación que o individuo e o grupo establezan coas drogas van determinar, tanto a súa utilización, como os estilos de consumo.
- A drogodependencia é un fenómeno complexo, de múltiples e variadas causas, que se manifesta como un trastorno biopsicosocial. Para a súa abordaxe terapéutica haberá que partir da multicausalidade da súa xénese para, integrando enfoques diferentes sen facer compartimentos estancos, propiciar intervencións tanto interdisciplinarias como intersectoriais.
- O trastorno biopsicosocial das drogodependencias conceptualízase como unha patoloxía de carácter crónico de curso variable, con períodos de remisión e recaídas, que afecta a saúde física e psicolóxica, as relacións interpersoais e sociais da persoa drogodependente, o seu medio familiar e o benestar social xeral. En consecuencia, o tratamento debe ser prolongado, incidindo en evitar recidivas, e en buscar a mellora da saúde, así como, se é o caso, a súa re/incorporación social, a través dun plan terapéutico individualizado que abranga medidas interdisciplinares e intersectoriais que se asenten na continuidade asistencial.
Esta concepción das drogodependencias afecta de forma directa aos enfoques e modelos da poboación drogodependente, así como as directrices que debe incorporar a planificación. En consecuencia, o PGD incorpora os seguintes postulados do “Modelo integrador das drogodependencias”:
- A consideración dos suxeitos como unidades biopsicosociais, de maneira que os problemas derivados do uso de drogas se deben abordar conxuntamente con outros trastornos e variables que favorecen o mantemento das condutas adictivas.
- A intervención en drogodependencias exixe actuacións nunha serie de áreas ou dimensións básicas (orgánica, psicolóxica, social, educativa, etc.), o que converte o traballo interdisciplinar nun requisito imprescindible para asegurar o éxito das actuacións a promover neste ámbito.
- As intervencións en drogodependencias, tanto desde unha perspectiva preventiva, como asistencial, deben incidir, non só sobre os individuos, senón tamén sobre os contextos micro e macrosociais en que se desenvolven estes (familia, grupo de iguais, comunidade, etc.).
- Posto que se debe incidir sobre moitos factores que inflúen nas drogodependencias, tanto desde a perspectiva da súa xénese como das consecuencias que provocan, as estratexias de intervención débense basear na colaboración e coordinación con outros servizos (sanitarios, sociais, comunitarios).
- A incorporación e normalización da atención das drogodependencias nos servizos sociais e sanitarios xerais.
- A necesidade dunha organización, xestión e avaliación integral das accións que se desenvolven, con niveis de atención diferenciados pero coordinados, así como criterios xerais de planificación.