Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

 

A través das concellerías e Muller e Igualdade, o Concello do Grove ten como obxectivo fundamental promover a igualdade entre homes e mulleres, eliminando os estereotipos sexistas, aumentando as posibilidades de homes e mulleres para conciliar a vida familiar e laboral, poñendo as medidas necesarias para erradicar a violencia de xénero, aumentando as oportunidades para o desenvolvemento persoal e social das mulleres e promovendo a súa participación na vida política, social, económica e cultural do nosa vila.

 

Ademais destas concellerías, onde as mulleres poden achegar as súas inquedanzas e as súas ideas, O Grove conta cun Centro de Información ás Mulleres (CIM) onde as mulleres e os homes do Grove poden buscar asesoramento xurídico e psicolóxico neste eido.

Plan de igualdade entre mulleres e homes

 

En xullo do 2009, a corporación municipal ratificou por unanimidade o I Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do concello do Grove. Este documento traballouse conxuntamente con máis de 50 colectivos sociais na procura de acadar un plan participativo e realista da situación actual do municipio meco.

 

O recoñecemento de que mulleres e homes deben ter os mesmos dereitos e oportunidades en todos os ámbitos da vida foi posible pola actuación reivindicativa de moitas mulleres e pola consolidación dos principios democráticos ao longo do século XX.

 

Desde a aprobación do Tratado de Ámsterdam, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, lonxe de converterse nun soño utópico, articúlase como o obxectivo prioritario que haberá de perseguir toda institución pública sexa cal for o seu ámbito de actuación: europeo, nacional, autonómico, provincial ou local.

 

A finalidade dun plan de igualdade municipal é a de mellorar a situación social das mulleres promovendo a aplicación do principio de igualdade como garantía dunha sociedade igualitaria -a do Grove-. Para iso, o plan de igualdade deberá incorporar a visión dun necesario cambio de actitudes, de comportamentos, de formas de vida e de estruturas sociais que son os que están impedindo o libre desenvolvemento dun sistema de convivencia entre mulleres e homes baseado na liberdade, na xustiza e na igualdade.

 

Pero estes cambios que haberán de afectarlle á cidadanía do Grove serán impulsados desde o referente que o propio Concello lle ofertará ao público; a elaboración e posterior execución do I Plan de igualdade entre mulleres e homes do Grove significará a realización dun salto cualitativo na xestión política municipal, e intentando romper coa xestión política por compartimentos estancos a través dunha visión estratéxica no seu conxunto.

 

Esta nova perspectiva significa integrar a óptica da igualdade en todas as políticas de intervención municipal e a promoción da participación das mulleres en todas as esferas da vida social e especialmente na economía produtiva, facéndoas axentes copartícipes da toma de decisións, xa que sen a participación activa das mulleres e a incorporación dos seus puntos de vista a todos os niveis da toma de decisións non será realidade o obxectivo de igualdade.

 

A elaboración do Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Grove asume como misión explícita a de servir de instrumento de acción política para fortalecer o proceso de transformación social das relacións de xénero no municipio, en miras á consecución da igualdade de xénero de feito.