O PROGRAMA DE MOBILIDADE DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO “SOBES AO AUTOBÚS DO TEATRO?” REGRESA AO GROVE O VENRES 17 DE XANEIRO.
Fecha: 2025-01-08
O Grove, 8 de xaneiro de 2025.- O programa de mobilidade do Centro dramático Galego “Sobes ao autobús do Teatro?” regresa ao Grove o venres 17 de xaneiro.
O Concello do Grove participa de novo nesta iniciativa cultural. Nesta ocasión todas as persoas interesadas poderán viaxar a Santiago de Compostela para disfrutar da obra “Nada se sabe”.
O espectáculo, que destaca pola súa aposta integradora, reúne un elenco formado por actores e actrices con discapacidade, demostrando un talento sen etiquetas. Baseada en textos como Filoctetes de Sófocles, adaptado por Manuel Lourenzo,e os escritos do filósofo tudense Francisco Sánchez, “Nada se Sabe” aborda con valentía os prexuízos e as barreiras que marcan as diferenzas sociais. A obra explora como as persoas apartadas poden ser clave para grandes cambios, ofrecendo ao público unha experiencia teatral que é, ao mesmo tempo, un reto e unha reflexión.
A obra é unha coprodución teatral do Centro Dramático Galego e Culturactiva Producións, dirixida por Ignacio García e Fran Rei, con texto orixinal de Manuel Lourenzo. Unha proposta integradora no contexto teatral galego, polo tema e o elenco,pola delicada selección musical, pola mestura de linguaxes e por estar formulada como un reto dirixido á audiencia, formulado como dúbida metódica que lle dá nome ao espectáculo
Este programa de mobilidade teatral ofrece transporte en autobús desde O concello do Grove para asistir á función no Centro Dramático Galego. A entrada ao espectáculo ten un prezo simbólico de 5,00 €.
O autobús sairá da Praza do Corgo o venres 17 de xaneiro ás 15.30 h para asistir á función que dará comezo ás 18.00 h. A hora de volta tras a función será as 20.00 h desde Santiago.
Todas as persoas interesadas en participar nesta actividade poderán inscribirse na Biblioteca Municipal do Grove. Para máis información, poden chamar ao teléfono 986 732 341.