O CONCELLO DO GROVE PRESENTA UNHA VARIADA PROGRAMACIÓN PARA CONMEMORAR AS LETRAS GALEGAS
Fecha: 2025-04-30
O Grove, 30/05/2025.- O Concello de Grove conmemora o Día das Letras Galegas cunha variada programación de actividades que se desenvolverán ao longo do mes de maio e que inclúe diversas propostas. O obxectivo é ofrecer á cidadanía un amplo abanico de actividades coas que festexar e conmemorar as Letras Galegas e, de paso ,fomentar o hábito da lectura en galego.
Actividades para público infantil
Para os máis pequenos da casa a programación das Letras Galegas inclúe diferentes actividades.
O 9 de maio, a partir das 18.00 h, terá lugar na biblioteca Municipal do Grove un Obradoiro de Cómic a cargo da autora e ilustradora Lucía Cid no que se tratará a creación de personaxes, historias e páxinas de cómic. Esta actividade está dirixida a público infantil a partir de 8 anos e, para participar, é necesaria inscrición previa.
O 13 de maio, a partir das 11.00 h, dentro do Programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia, desenvolverase na Axencia de Lectura de San Vicente o espectáculo “María Faltri coa pandeireta na man” que ofrece unha experiencia completa para os asistentes, onde música, xogos e tradición se entrelazan para garantir que o legado das nosas raíces culturais continúe vixente, creando un espazo de aprendizaxe e diversión, ao mesmo tempo que se preserva e honra a historia da música galega. Asistirá o alumnado do CEIP As Bizocas.
O 14 de maio, a partir das 11.00 h, desenvolveranse dúas sesión do obradoiro teatralizado “Descubrindo a dobraxe”, a cargo de Manuel Pombal Pérez, ao que asistirá alumnado de Educación Primaria do CEIP Valle-Inclán. Cada sesión permitirá á rapazada asistente coñecer o proceso de dobraxe, experimentando de forma práctica o funcionamento desta disciplina, clave no mundo do cine e da televisión,e que constitúe unha ferramenta máxica capaz de captar a atención do público asistente sobre aspectos básicos da lingua e da comunicación oral.
O 23 de maio, a partir das 17.30 h, dentro do Programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia, ofrecerase na Biblioteca Municipal do Grove o contacontos ilustrado “Cantareiras, poesía popular nas Letras galegas” a cargo de Polo Correo do Vento. Actividade baseada na publicación do mesmo nome da editora Lela Edicións. Contarán, dun xeito adaptado, as biografías das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas, farán un gran mural relacionado e cantar as pezas das propias homenaxeadas. Para rematar cada asistente debuxará unha caricatura dunha pandereteira. Está dirixido á rapazada a partir de 5 anos e, para asistir, é necesaria inscrición previa.
16 de maio: Encontro con Cinco en Zocas
O 16 de maio, a partir das 19.30 h, na Biblioteca Municipal do Grove, terá lugar a charla-concerto “Cantareiras: a poesía popular dende a tradición á vangarda” a cargo do grupo local de Pandereteiras “Cinco en Zocas” e dirixido a público xuvenil e adulto.
17 de Maio. Letras Galegas
As actividades da mañá do 17 de maio desenvolveranse na Rúa Alcalde Xacobe Barral Otero desde as 11.00 horas coa apertura da Feira do Libro Galego, a cargo de Espazo Lector Nobel O Grove.
Ás 12.00 h, Música Miúda achegará ao público asistente o espectáculo “As historias de Bemol pequeno”, contacontos musical que conta as historias da vila de Bemol Pequeno, pola que camiñan personaxes como a meiga Xela, o dinosaurio Pepón ou a Banda do Carballo. Este espectáculo busca ensinará rapazada conceptos musicais básicos como o volume, as notas musicais ou as familias de instrumentos. A partir destas historias, publicouse o conto ilustrado “Xiana e a meiga Xela” (Belagua, 2023), de Irene Quinteiro con ilustracións de Daniel Barbazán. No caso de mal tempo, trasladarase á Biblioteca Municipal do Grove.
30 de maio. Presentación do libro “A casa da mina” de Maica Gorgal
O 30 de maio, a partir das 19.30 h, a biblioteca Municipal do Grove acollerá o acto de presentación do libro “A casa da mina” da escritora Maica Gorgal.
A obra, unha historia de amor, segredos e guerra ambientada na Galicia mineira da posguerra,narra a historia de Sara, unha moza que, xunto á súa nai, enfronta a miseria e a fame na vila de Santa Comba.
Colaboración coas entidades culturais
Así mesmo, o Concello do Grove colabora coas entidades culturais da vila na oferta de actividades para este mes das Letras.
O Clube M. D. e C. Breogán ofrecerá a charla concerto “As nosas Pandereteiras: o canto tradicional oral nas Letras Galegas 2025”. Terá lugar o 2 de maio, ás 19.30 h na Sala das Cunchas da Casa do Concello
A Coral Polifónica da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove celebrará no Auditorio do Grove o seu tradicional Concerto das Letras Galegas o 10 de maio a partir das 20.30 h.
A Asociación cultural Cantodorxo celebrará a XIII Festa das Letras Galegas o sábado 17, a partir das 18.00 h, na Praza do Corgo.




