O CONCELLO DO GROVE CONVOCA SUBVENCIÓNS POR IMPORTE DE 30.000 EUROS PARA AS ENTIDADES CULTURAIS DA VILA
Fecha: 2025-05-06
O Grove, 6 de maio de 2025.- No BOPPO núm. 84 de 6 de maio publicouse o extracto das Bases e Convocatoria para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades culturais no ano 2025.
Esta convocatoria ten por obxecto regular o procedemento da concesión de subvencións en réxime de libre concorrencia para fomentar as actividades que, no eido da cultura e nas súas diversas formas, promovan asociacións culturais sen ánimo de lucro, que poidan ser consideradas de interese cultural para o Concello do Grove e dirixidas á poboación en xeral.
O Concello do Grove concederá axudas económicas por un importe total de 30.000 euros para promover, fomentar e difundir aquelas actividades culturais que organicen as persoas físicas ou xurídicas sen fin de lucro no seu ámbito territorial, cando teñan relevancia para os intereses municipais.
O texto completo das Bases pode consultarse na Sede electrónica do Concello do Grove e na Base de Datos Nacional de Subvencións https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/ge/es/convocatorias/829581
As entidades culturais que desexen acceder a estas axudas teñen nun prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia, para presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral Electrónico do Concello do Grove ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.