O CONCELLO DO GROVE CONVOCA A XXXII EDICIÓN DO PREMIO DE NOVELA CURTA “MANUEL LUEIRO REY”
Fecha: 2025-05-21
- O prazo para a presentación dos traballos remata o 15 de setembro de 2025
O Grove, 21/05/2025.- O Concello do Grove convoca a XXXII edición do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey.
O mércores 21 de maio saíu publicado no BOPPO o extracto das Bases da XXXII Edición do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey, premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, e que conta coa financiación do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente o seu texto en lingua galega. As bases, que xa se poden consultar na sede electrónica do Concello do Grove, establecen o prazo límite de presentación dos traballos o 15 de setembro. Os textos presentados terán unha extensión mínima de cincuenta (50) páxinas e unha extensión máxima de cen (100) páxinas, tamaño folio DIN A4, de dous mil cincocentos caracteres cada páxina, aproximadamente, escritos en letra Arial, tamaño doce (12), espazamento entre liñas de 1,5 (espazo e medio) e as follas deberán estar paxinadas.
O xurado estará composto por cinco persoas, unha delas será o gañador da XXXI edición do premio, Jose Carou Rey, pola obra “Ventre de madeira”, e os outros catro compoñentes serán especialistas en literatura e crítica literaria. O premio único outorgarase por maioría simple de votos.
