VERÁN CULTURAL 2025 CONCELLO DO GROVE
Fecha: 2025-06-18
O Grove, 18 dexuño de 2025.- O Concello do Grove organizou un intenso programa cultural para os meses de verán con diversos espectáculos co fin de buscar o desfrute e participación do público de todas as idades. A programación conta co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.
Cinema de verán
O cinema de verán volve ao enclave da Rúa de Santo Antonio. Este ciclo arrancará o día 2 de xullo coa película de animación Dragonkeeper: guardiana de dragones, recomendada para público familiar e infantil. Así mesmo, ao longo do verán, tamén se ofrecerán as proxeccións dos filmes As neves, Padre no hay más que uno 4: Campanas de boda, Romper el círculo, Del revés 2 e Odio el verano.
Actividades infantís
Para o público infantil organizouse o programa Biblioactividades que se desenvolverá os martes e para o que é necesaria inscrición previa. Este programa arrancará o martes 8 de xullo co espectáculo de narración oral e monicreques “As peripecias de Xurxo” a cargo de Malasombra Producións na biblioteca Municipal do Grove.
O martes 10 de xullo, desenvolverase o espectáculo de narración oral, ilustración e música “Cantareiras: a música popular nas Letras Galegas” a cargo de Polo correo do Vento e financiado polo Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación de Pontevedra.
Seguiranlle diversas actividades enmarcadas no ciclo Cultura no Camiño que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da AGADIC: o martes 22 de xullo o espectáculo musical “Ecoralia, a lambona ecolóxica” a cargo de Pakolas; o martes 29 de xullo o espectáculo de narración oral, música e humor “Xogando a reciclar” a cargo de Fanny Medioambiente; o martes 5 de agosto o espectáculo de narración oral “onde viven os monstros” a cargo de Carmen Domech e o martes 12 de agosto o espectáculo de música, circo e clown “Peque Disco Moc Moc” a cargo de Mere Clown.
O programa Biblioactividades rematará o martes 19 de agosto co espectáculo de maxia cómica e ilusionismo “Ilusiónate” a cargo de Expresión Producións.
O martes 5 de agosto, a partir das 20.00 h na Praza do Corgo desenvolverase o espectáculo “Os Bolechas e o gran reto deportivo” dirixido a público familiar e infantil a partir de 3 anos. Actividade para o tempo de verán do programa FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Concello do Grove.
Para finalizar a programación infantil o mércores 27 de agosto, ás 20.00 h, terá lugar na Praza do Corgo o espectáculo de Rúa “GHOP!” de teatro ó cubo e dirixido a público infantil e familiar. Este espectáculo conta coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas, vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público desexoso de divertirse e participar
Xoves musicais
Os xoves musicais terán lugar na Praza do Corgo coa participación de grupos de diferentes estilos e para diversos públicos. O ciclo dará comezo o xoves 3 de xullo coa actuación de Fla Meco.
O xoves 7 de agosto será a quenda de David Chiquillo e Lote e o 21 de agosto de a agrupación musical Os Firrás.
Día da Patria Galega
O 25 de xullo, Día de Galicia, celebrarase coa actuación do cuarteto de arpas e voces Lulavai, que interpretará sobre o escenario do Auditorio do Grove temas con orixe na música tradicional galega, e outros decarácter máis persoal, con inspiración noutras músicas do mundo, e noutros estilos musicais con delicados arranxos para o instrumento principal que é a arpa e as voces, e utilizando tamén outros instrumentos de percusión que aportan a variedade tímbrica e o son orixinal de Lulavai.
O concerto, enmarcado no ciclo Cultura no Camiño que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da AGADIC, comezará ás 21.00 h no Auditorio do Grove. Para asistir será necesario recoller convites na Biblioteca Municipal do Grove e na oficina de Turismo.
Concerto de Roi Casal.
O xoves 31de xullo, a partir das 21.00 h, a Praza do Corgo acollerá o Concerto de Roi Casal financiado polo programa + Música da Deputación de Pontevedra.
Neste concerto Roi Casal porá sobre o escenario as súas actuais producións en EEUU xunto cos seus grandes éxitos. Temas actuais e clásicos, ritmos latinos e o estilo pop máis puro dos seus inicios forman os grandes éxitos do artista para un gran directo. As novas cancións de Roi Casal contan coa produción de Charly Rodgarman (produtor de Celine Dion, Michael Buble ou All-4-One entre outros), e nominado en varias ocasións aos premios Grammy e Grammy Latino.
Moreiras Cultural
Dentro da programación cultural de verán, este ano volve a adquirir un special protagonismo o espazo natural e etnográfico de Punta Moreiras. A Salgadeira Vella acollerá varias actividades:
O xoves 10 de xullo, a partir das 22,00 h, representarase na Salgadeira Vella de Moreiras a obras “Costa da morte: cartografía dun naufraxio” do Centro Dramático Galego en coprodución con Mariña Lestón. Peza de carácter dramático formulada como unha viaxe sobre a historia do noso mar, a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo, que permiten ao espectador habitar en memoria. A entrada é libre ata completar aforo.
O xoves 24 de xullo, a partir das 21.00 h, achegarase a Moreiras a música tradicional galega das cantareiras da man do grupo local Cinco en Zocas.
O xoves 14 de agosto, tamén a partir das 21.00 h, será a quenda da música de Carolina Rubirosa e Rafa Otero.
Asociacións Culturais
O programa tamén inclúe actividades de asociacións e entidades coas que colabora o Concello:
Os martes 15 e 29 de xullo a Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras, en colaboración coa UNED e o Concello do Grove, ofrecerá as xornadas de Elaboración tradicional da sardiña salgada: Facémola chanca e Cargámolo morto.
O domingo 20 de xullo a Banda de Música do Grove ofrecerá un concerto ás 12.00 h na Praza do Corgo.
O sábado 9 de agosto, no Auditorio do Grove, a coral polifónica da Confraría de Pescadores San Martiño ofrecerá o seu tradicional Concerto de Verán.
O sábado 16 de agosto a agrupación Mekpoetic desenvolverá a festapoético musical “Versos nas Salgadeiras”.

