Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE ACHEGA O MUNDO DA DOBRAXE EN GALEGO AOS CENTROS DE ENSINO DA VILA A TRAVÉS DO PROGRAMA “LINGUA E CINEMA”

Fecha: 2025-09-17

O Grove, 17/09/2025.- O Concello do Grove, co financiamento do Servizo deNormalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación de Pontevedra, organizou o programa “Lingua e Cinema” para achegar o mundo da dobraxe en galego a todos os centros de ensino da vila.

O proxecto “Lingua e cinema” está dirixido a fomentar o emprego do idioma galego a través de actividades de dinamización e normalización que fomentarán o seu emprego activoe a socialización nesta lingua e que a asocian con valores positivos (modernidade, lecer, diversión).

O programa contará cun total de 14 sesións do obradoiro teatralizado “Descubrindo a dobraxe” impartidas por Manuel Pombal Pérez, con versións diferentes e adaptadas a cada etapa educativa e a cada grupo.

Cada sesión permitirá ás persoas asistentes coñecer o proceso de dobraxe, experimentando de forma práctica o funcionamento desta disciplina, clave no mundo do cine e da televisión.

A dobraxe constitúe unha ferramenta máxica capaz de captar a atención do público asistente sobre aspectos básicos da lingua e da comunicación oral (como cadencia, ritmo,intención... ). Potencia, ademais, aspectos tan importantes como a concentración e o traballo en equipo; ao tempo que motiva ás rapazas e rapaces-“foren galeg@s ou non”- para se divertiren na nosa lingua.

Manuel Pombal Pérez, profesional con máis de tres décadas de experiencia no ámbito cultural, é coñecido polo seu traballo na dobraxe de personaxes icónicos como Bugs Bunny, Doraemon e Isidoro, ademais da súa colaboración coa TVG no programa 'Larpeiros'.

Estes obradoiros están orientados ao alumnado de educación primaria a partir de 8 anos, secundaria e bacharelato. A iniciativa está dirixida a ámbitos prioritarios ou estratéxicos para a normalización lingüística xa que abrangue, ao mesmo tempo,  o ámbito da educación, a mocidade, a infancia  e o lecer.

Para favorecer a asistencia do alumnado e facilitar o desenvolvemento do programa, os obradoiros terán lugar nos propios centros educativos da vila. Dúas sesións tiveron lugar o 14 de maiono CEIP Valle-Inclán e o resto dos obradoiros realizaranse nos vindeiros meses nos seguintes centros de ensino: dúas sesións no CEIP Rosalía de Castro, dúas sesións no CEIP A Bizocas, dúas sesións no CEIP Conmeniño, dúas sesións no IES As Bizocas e catro sesións (2 para ESO e dúas para Bacharelato) no IES Monte daVila.

Grazas á colaboración do Concello cos centros educativos de ensino do Grove, o alumnado poderá participar nestas actividades.


cartel