O Concello do Grove celebra “Abril: libros, contos, teatro e música” con diversas actividades
Fecha: 2026-03-26
Grove, 26 de marzo de 2026.- O Concello do Grove organizou unha completa programación cultural “Abril: libros, contos, teatro e música” para celebrar o mes do libro e a lectura con actividades para grandes e pequenos. O programa conta coa colaboración do Programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.
Historias dun mundo grande
O 10 de abril, ás 17.30 horas, comezará a programación na biblioteca municipal do Grove co espectáculo de narración oral “Historias dun mundo grande” a cargo de Bandullo azul e dirixido á rapazada a partir de 5 anos. A cadeliña Becki, desde a súa biblioteca onde pasa tanto tempo lendo e escribindo, cóntanos historias que foi coñecendo nas súas viaxes polo mundo. Historias de colaboración e de solidariedade entre as persoas. E con ela cantamos e bailamos para celebrar o respecto e a felicidade.
Para participar nesta actividade é indispensable inscrición previa nas bibliotecas, no tfno. 986 732 341, no e-mail biblioteca@concellodogrove.es ou nas Redes Sociais.
Nube,nube, sol
O 17de abril ás 17.30 h, terá lugar na biblioteca municipal do Grove o espectáculo “Nube, nube, sol” a cargo de Teatro O Cubo e dirixido á rapazada de 1 a 4 anos. A través do corpo, o xesto, o canto e a música, Teatro O Cubo achega á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.
Para participar nesta actividade é indispensable inscrición previa nas bibliotecas, no tfno. 986 732 341, no e-mail biblioteca@concellodogrove.es ou nas Redes Sociais.
Frumario o bibliotecario
O 21 de abril, ás11.30 h será a quenda da Axencia de lectura de San Vicente, onde se ofrecerá o espectáculo de narración oral “Frumario o bibliotecario” a cargo de Manuel Pombal e dirixido a público infantil a partir de 6 anos. Da man dun personaxe moi especial, a rapazada descubrirá os segredos máxicos que se esconden nos andeis da biblioteca. Dinámicas escenas de fantasía, asombrosas narracións, ciencia, poesía, musica…sorprenderán os participantes, animándoos a buscar os tesouros que a lecturanos ofrece: emoción, misterio, diversión… E o máis importante: todo nun mesmo lugar, a biblioteca.
Bailen as vellas,os contos das cereixas
O venres 24 de abril, ás 19.30 h, ofrecerase na biblioteca municipal do Grove “Bailen as vellas, os contos das cereixas”, espectáculo de narración oral dirixido a público adulto a cargo de Atenea García e Vero Rilo.
Unha divertida e fresca proposta que reivindica a cultura, a música e a poesía de transmisión oral galega con historias que chegan agora a escena para que non se perdan, para que as vellas canten e bailen tamén no noso presente. A entrada é libre ata completar aforo.
Carapuchiña. Introdución ao teatro para escolares
O xoves 23 de abril, a partir das 11.30 h, representarase no Auditorio do Grove “Carapuchiña” a cargo de Pedras de Cartón, dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Primaria dos centros educativos e que ten como obxectivo o achegamento do teatro e o auditorio á rapazada da vila.
Pedras de Cartón presenta Carapuchiña, o quinto espectáculo da compañía, no que traballa cun dos clásicos máis populares da literatura infantil. Carapuchiña é un conto de transmisión oral, adaptado posteriormente por Charles Perrault e máis tarde polos irmáns Grimm.
Pedras de cartón toma como punto de partida o clásico para xogar cos contos populares, nunha comedia de teatro de obxectos protagonizada por Juan Rodríguez e Leonardo Casado. Un espectáculo que xoga coas diferentes versións da historia, cunha linguaxe sinxela, para o público infantil e ambientada no mundo da panadaría tradicional.
Grazas á colaboración do Concello cos centros educativos de ensinanza do Grove, achegarase ao Auditorio o alumnado de Educación Infantil e Primaria para asistir á representación desta peza teatral.
Tunas Universitarias no Grove. 2ª etapa: Santiago-Coimbra
O sábado 11 de abril, a partir das 20.15h, terá lugar no Auditorio do Grove un encontro de tunas universitarias no que participarán a Veterana Tuna de Farmacia de Santiago e Quarentuna de Coimbra.
A Veterana Tuna de Farmacia de Santiago interpretará un popurrí galego con canción populares, Cómo Llora una Estrella, Granada (instrumental), Tus ojos, Luna de España, Fonseca, Popurrí "de viaje con mi Tuna" e Compostelana.
A Quarentuna De Coimbra interpretará Rapsódia de Adriano, Balada 5º Ano Juri?dico de 1988-89 + Mozart 1º andamento Sinfonia nº40, Balada de Outono para Zeca Afonso, Tenho barcos tenho remos + Avé Maria de Bach, Sergito (instrumental), Folguedos e Guitarras do meu país + Lago dos Cisnes de Tchaikovsky.
O acto rematará coa interpretación conxunta de varios temas, pechando con Clavelitos.
A entrada é de balde e, para asistir, é necesario recoller convites na Biblioteca Municipal do Grove ou na Oficina de Turismo do Grove.
