Saltar ao contido

Esta web utiliza cookies de terceiros para mellorar o servizo. Máis información no noso aviso sobre cookies.

Aceptar

VERÁN CULTURAL 2026 CONCELLO DO GROVE

O Grove, 16 de xuño de 2026.- O Concello do Grove organizou un intenso programa cultural para os meses de verán con diversos espectáculos co fin de buscar o desfrute e participación do público de todas as idades. A programación conta co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

Este ano cobran especial importancia os espectáculos musicais de diferentes estilos para diferentes públicos e gustos.

Actividades infantís

Para o público infantil organizouse o programa Biblioactividades que se desenvolverá os martes e para o que é necesaria inscrición previa. Este programa arrancará o martes 7 de xullo co espectáculo musical “Rockeando con Ramona Órbita” a cargo de Pakolas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.

Seguiranlle diversas actividades enmarcadas no ciclo Cultura no Camiño que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da AGADIC: o martes 21 de xullo o espectáculo de narración oral e monicreques “Cocer e cantar” a cargo de Marionetas Seisdedos; o martes 28de xullo o espectáculo de música, circo e clown “Circo na casa” a cargo de Mere Clown; o martes 4 de agosto o espectáculo de narración oral e monicreques “Xan das Ondas” a cargo Barafunda, e o martes 11 de agosto o espectáculo de narración oral e música “Merenda con pan de millo” a cargo de Migallas Teatro. O programa rematará o martes18 de agosto o espectáculo de maxia e ilusionismo “Museo Máxico” a cargo de Javier Fernández Frasca.

O mércores 22 de xullo, a partir das 20.00 h, a Praza do Corgo acollerá o espectáculo “Karaoke deportivo dos Bolechas” dirixido a público familiar e infantil a partir de 3 anos. Actividade para o tempo de verán do programa FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Concello do Grove.

O venres 31 de xullo, desenvolverase na Casa da Cultura “Manuel Lueiro Rey” o espectáculo de narración oral, ilustración e música “As Letras de Begoña” a cargo do Colectivo Xurelo e financiado polo Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación de Pontevedra.

Espectáculo de rúa ÑiquiÑaque

O martes 28 de xullo, apartir das 20.30 h na Praza do Corgo, representarase o espectáculo de rúa “Ñiqui Ñaque” do Centro Dramático Galego en coprodución con Espectáculos Valente.

Este espectáculo está dirixido a todos os públicos e entrelaza clown, máscara, acrobacias, monicreques de cachiporra e humor.

Xoves musicais

Os xoves musicais terán lugar na Praza do Corgo, ás 21.00 h, coa participación de grupos de diferentes estilos e para diversos públicos. O ciclo dará comezo o xoves 9 de xullo coa actuación de Caballito.

O xoves 30 de xullo será a quenda de Fla Meco, o xoves 6 de agosto David Chiquillo e Lotee o xoves 20 de agosto concerto de Carolina Rubirosa Band.

Día da Patria Galega

O 25 de xullo, Día de Galicia, celebrarase co concerto de Ensemble Groba, formación de cámara que interpretarán sobre o escenario do Auditorio do Grove obras compostas por compositores galegos, principalmente de Rogelio Groba, de Juan Montes e Andrés Gaos.

O concerto, enmarcado no ciclo Máis Música 2026 da Deputación de Pontevedra, comezará ás 21.00 h no Auditorio do Grove. Para asistir será necesario recoller convites na Biblioteca Municipal do Grove e na oficina de Turismo.

Concerto Aires da NosaTerra

O domingo 2 de agosto, a partir das 20.30 h, ofrecerase na Praza do Corgo o concerto Aires da NosaTerra, a cargo da Banda de Música, con temas clásicos e outros enfocados á música galega.

Cantos de taberna

Este ano o Concello do Grove ofrecerá un novo ciclo de música baseado na música popular e os cantos de taberna que se desenvolverá durante o mes de agosto na Praza do Corgo, a partir das 21.00 h.

A asociación musical Os Firrás inaugurará este ciclo o mércores 5 de agosto. Seguirán as actuacións de A Banda do Sequío, o 12 de agosto , e @ de Viño o 19 de agosto.

Moreiras en acústico

Dentro da programación cultural de verán, volve a adquirir un especial protagonismo o espazo natural e etnográfico de Punta Moreiras. A Salgadeira Vella acollerá varias actividades:

O xoves 23 de xullo, a partir das 21.00 h, achegarase a Moreiras a música tradicional galega das cantareiras da man do grupo local Cinco en Zocas.

O xoves 13 de agosto, a partir das 21.00 h, poderase asistir ao concerto do Grupo Silenzio. Violonchelo, frauta e voz para a interpretación de pezas de diferentes xéneros musicais coas que sorprenderán ao público asistente.

O xoves 14 de agosto, tamén a partir das 21.00 h, será a quenda do concerto Dentro a cargo de Andrea Búa. Andrea ofrecerá un amplo repertorio que combina pezas propias da artista con outras como “Alfonsina y el mar”, “Sabor a mí” ou “Con los años que me quedan”.

O sábado 15 de agosto desenvolverase a Festa poético musical “Versos nas Salgadeiras” a cargo da agrupación Mekpoetic.

Asociacións Culturais

O programa tamén inclúe actividades de asociacións e entidades coas que colabora o Concello:

O domingo 5 de xullo a Asociación Cultural Cantodorxo ofrecerá no Auditorio do Grove o seu Festival de Verán.

Os mércores 15 e 29 de xullo a Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras, en colaboración coa UNED e o Concello do Grove, ofrecerá as xornadas de Elaboración tradicional da sardiña salgada: Facémola chanca e Cargámolo morto.

O sábado 8 de agosto, no Auditorio do Grove, a coral polifónica da Confraría de Pescadores San Martiño ofrecerá o seu tradicional Concerto de Verán.

folleto 1
folleto 2

Todas as novas